PROGRAMA #0 Oh Happy Day "A Selección"
Nesta primeira entrega, a modo de presentación de Oh Happy Day, poderemos coñecer todas as pezas que farán posible o programa. Dunha banda o noso presentador Rodrigo Vázquez, que irá dando paso aos vídeos onde veremos, un a un, os nosos coros. Ademais tamén saberemos máis do noso xurado, formado por Ramón Bermejo, Eva Perales, e Najla Shami. E todo envolto, en interesantes enquisas sobre a música que escoitan os galegos, ou importantes apreciacións de expertos sobre o tema. PROGRAMA #1 Primeira Gala
Nesta primeira gala de Oh Happy Day asistimos ao debut dos oito coros participantes. No plató do programa presentaron cancións de todos os estilos: tradicionais como ‘O voso galo comadre’, máis modernas como ‘Don’t stop me now’ de Queen, ou bandas sonoras como “Let it go” da película Frozen. A tónica xeral foi dun alto nivel vocal, de arriscadas interpretacións, e dunhas coreografías moi traballadas. De feito, ao xurado foille moi difícil escoller a actuación do día, que finalmente recaeu en Sisters In The House e a súa magnífica interpretación do clásico “Hit the road Jack”. Pero nesta primeira gala tamén foi noite de criba, de aquí saíron tres coros propostos para abandonar o programa a semana que vén: Vía Sete de Pontevedra, Coda de Vilagarcía e Alameda, tamén de Pontevedra. PROGRAMA #2 Segunda gala de Oh Happy Day e primeira expulsión
Nesta segunda gala de Oh Happy Day os coros arriscaron coas súas interpretacións nunha gala moi dinámica e entretida. O xurado expulsará o primeiro dos coros participantes. Os coros propostos para abandonar o programa a semana anterior foran Coda de Vilagarcía, a Coral Alameda de Pontevedra e Vía Sete, tamén de Pontevedra. Finalmente, e logo dunha dura deliberación, o xurado expulsará a Coral Alameda de Pontevedra, que arriscaron moito co clásico da movida “A quien le importa”. A mellor actuación da noite foi para Coda, de Vilagarcía, que logo de seren nomeados a anterior semana, repuxéronse, e interpretaron unha incrible versión do éxito de Bruno Mars “Uptown funk”. Os coros propostos para abandonar Oh Happy Day a próxima semana finalmente foron Vía Sete, Alecrín de Brión e Obradoiro Vocal a Vila. PROGRAMA #3 Sete coros na terceira gala de Oh Happy Day e un novo expulsado
Na terceira gala de Oh Happy Day os sete coros que continúan no programa presentaron as súas mellores actuacións sobre o escenario, nunha competición cada vez máis axustada e na que os participantes amosaron un gran nivel ademais de estilos tan variados como zarzuela, rock, musical ou samba. Tres coros estaban propostos para abandonar o programa: Vía Sete, de Pontevedra, a Coral Alecrín de Brión e o Obradoiro Vocal A Vila, de Ponteareas. Finalmente, malia unha interpretación do ‘Rock the night’ de Europe cargada de enerxía, Vía Sete resultou ser o coro expulsado. Pola contra, a singular actuación do Obradoiro Vocal A Vila con ‘Tres cantos nativos dos indios Krao’ valeulles o título de canción do día, coa unanimidade dos membros do xurado. E outros tres coros están en risco de seren expulsados a próxima semana: as Sisters in the House, o Coro Encaixe e a Coral Alecrín de Brión, que repite como nomeado.  PROGRAMA #4 Nova expulsión nunha cuarta gala sen coros nomeados
Na cuarta gala de Oh Happy Day os seis coros amosaron un nivel moi alto polo que o xurado non o tivo nada doado. O Coro Encaixe, de Santiago, a Coral Alecrín de Brión e as Sisters in the House, da Coruña, estaban en perigo de abandonar o programa. Malia a falta de unanimidade dos membros do xurado, a interpretación de ‘Meu amor mariñeiro’ de Fuxan os Ventos non lle valeu á Coral Alecrín para continuar un programa máis e resultaron expulsados. Onde si houbo acordo foi na escolla da mellor actuación: Coda conseguiu gañala por segunda vez, desta volta grazas a un medley de cancións de Mecano. Nesta noite non houbo criba, polo que ningún coro está en risco de abandonar o programa a semana que vén. Así e todo, a tensión segue subindo, cada vez quedan menos coros e a calidade é maior. PROGRAMA #5 Quinta gala do Oh Happy Day con dúas actuacións por coro
Na quinta gala de Oh Happy Day xa só quedan cinco coros en concurso. Son Sisters In The House (A Coruña), Encaixe (Santiago de Compostela), Coda (Vilagarcía), A Vila (Ponteareas) e El Acorde Secreto (A Coruña). Chegados xa ao ecuador da temporada a competitividade dos coros, e o nivel esixido é tan alto que calquera erro pagarase moi caro. Como particularidade, neste programa non houbo expulsados pero si saíron tres coros propostos para abandonar o programa a semana seguinte. Todos os coros fixeron dúas actuacións e da valoración conxunta das dúas saíron os tres coros nomeados, que neste caso foron El Acorde Secreto, A Vila e Coda. Novamente o repertorio de temas foi moi variado, pero a mellor actuación foi para Sisters in the House, que fixeron unha arriscada versión do clásico de Bob Marley “Could You Be Loved”. PROGRAMA #6 Sexta gala de Oh Happy Day na que só quedarán catro coros
Nesta 6º gala non hai nomeados pero si unha eliminación. Os tres coros que estaban na corda frouxa son Coda (Vilagarcía), O.V. A Vila (Ponteareas) e El Acorde Secreto (A Coruña). Estes tres interpretaron dúas cancións cada un co ánimo de convencer ao xurado para continuar no concurso. Finalmente os eliminados, despois dunha dura deliberación, foron A Vila (Ponteareas). O xurado tivo máis en consideración a espectacular execución de “I will follow him” (tema da película Sister Act) do Coro Coda e, sobre todo, “María Soliña” de El Acorde Secreto, que foi escollida mellor actuación. Os dous coros que non se xogaban nada esta vez aproveitaron para arriscar. Sister in The House probou cunha versión do éxito de Beyoncé “Crazy in love” e Encaixe, con outro tema moi coñecido, o “Happy” de Pharrell Williams. A estas alturas do concurso a tensión é moi grande e despois desta gala xa só faltará eliminar outro coro para ter xa os tres finalistas desta primeira edición de Oh Happy Day. PROGRAMA #7 Coñecemos o primeiro finalista de Oh Happy Day
A sétima gala estivo marcada polo altísimo nivel de todos os coros tanto a nivel vocal, como na posta en escena. Así e todo, o xurado só puido escoller un para pasar directamente a final e o elixido foi El Acorde Secreto coa canción ‘Shots’ de Imagine Dragons. O xurado destacou o seu vestiario, a orixinal coreografía e a boa técnica vocal. Ademais, esta noite puidemos escoitar os directores e directoras cantar co seu coro como solistas ou cancións compostas por eles, así como temas tan coñecidos como ‘Barbie Girl’, ‘Fever’ ou ‘De cero a héroe’, da banda sonora do filme Hércules. A tensión segue en aumento e aínda quedan tres coros ás portas da gran final: Sisters In The House da Coruña, Coro Encaixe de Santiago e Coro Coda de Vilagarcía. PROGRAMA #8 Oitava gala: un coro expulsado e tres na final.
Nesta gala coñecemos os tres finalistas de Oh Happy Day. El Acorde Secreto xa tiña o seu sitio asegurado desde a semana pasada pero as Sisters in the House, Encaixe e Coda quedaban loitando por dous postos. Finalmente, foron as Sisters as que non lograron pasar a última criba e remataron expulsadas xusto ás portas da final. Todos os coros deron o mellor de si e iso notouse nas súas interpretacións, coreografías e postas en escena. Cada un deles cantou dous temas de artistas tan coñecidos coma Andrés do Barro,The Beatles, Christina Aguilera, Whitesnake, Queen, Michael Jackson, ABBA, e tamén un poema de Rosalía de Castro. A competición continúa e agora só quedan Encaixe, Coda e El Acorde Secreto competindo polo premio final. PROGRAMA #9 Novena gala: especial nenos
Na novena gala de Oh Happy Day contamos coas actuacións de tres coros infantís de diferentes lugares de Galicia. O Coro de Visantoña, con integrantes de moi curta idade, interpretou o tema Akai Hana en solitario e Hero da man do Coro Encaixe. O Coro de Nenos Cantores da Orquestra Sinfónica de Galicia, de corte clásico, levou ao escenario De Profundis Clamavi e Paradise xunto a El Acorde Secreto. Finalmente escoitamos as cancións The Shoop Shoop Song da man do Coro Cantemos de Ponteareas, canteira do Obradoiro Vocal A Vila, e Por isto cantamos xuntos en colaboración co Coro Coda. Como novidade, Najla Shami interpretou Camiño Branco, un tema propio con versos de Rosalía de Castro e Samba Lelé, canción infantil popular brasileira xunto ao Coro de Visantoña. Vimos os tres coros finalistas recargando enerxía na praia, de merendola e de visita no Luar para relaxar tensións de cara á grande gala final. PROGRAMA #10 Gala final: o Coro Encaixe gaña Oh Happy Day!
Na gala final de Oh Happy Day os tres coros aspirantes ao premio interpretaron dous temas en rigoroso directo, como é habitual. Un era novo e preparado exclusivamente para a final, mentres que o outro foi un mix de dúas cancións que fixeron en programas anteriores. El Acorde Secreto atreveuse con ‘Bohemian Rhapsody’ de Queen e un mix de ‘O Tren’ e ‘Price Tag’, Encaixe escolleu ‘Stairway to Heaven’ de Led Zeppelin e un mix de ‘Arman Vela’ e ‘Leverelem’; mentres que Coda apostou por unha versión salsa de ‘I want you back’ de The Jackson 5 e o mix de ‘Gaiteiro’ e ‘Uptown Funk’. Finalmente foi o coro Encaixe de Santiago o que acadou a maior puntuación e polo tanto gañou os 12.000 euros de premio. E é que nesta última gala houbo novidades nas votacións. A maiores de Najla Shami, Ramón Bermejo e Eva Perales, que por primeira vez votaron de xeito individual, os directores e directoras dos coros eliminados nesta temporada tamén votaron para a elección do gañador.

ohhappyday@portocabo.com