Coda (Vilagarcía) Desde Vilagarcía de Arousa chega este coro que toma o seu nome da Escola de Música e Danza da propia vila. Son especialistas en musicais, en coreografías, e en cantar (claro!), e veñen a Oh Happy Day demostrar que poden chegar moi alto. 
Coral Alecrín de Brión (Ferrol) Este coro vén de Brión, unha pequena aldea de 300 habitantes preto de Ferrol, pero non todos os seus integrantes viven alí… Moitos percorren ata 30km para ir ós ensaios. E non é de estrañar, nada máis rematar de cantar montan unhas mesas e traen roscas e licores para festexar aniversarios ou o que faga falta. Tanto nas festas como no escenario a Coral Alecrín de Brión sabe como amosar o seu entusiasmo. 
Obradoiro Vocal ‘A Vila’ (Ponteareas) Se algo ten Ponteareas é a súa rica tradición musical, e de aí mesmo é de onde vén este coro. Fórmano xente de todas as idades, de feito ata teñen escolas infantís e xuvenís. Son moi versátiles, poden cantar dende Aleluia a Love me Tender a cantos nativos do Amazonas. Seguro que vos sorprenderán! 
Sisters in the House (A Coruña) O soul, o gospel e a música negra chegan a Oh Happy Day da man das ‘sisters’. Este grupo da Coruña formado exclusivamente por mulleres non deixará indiferente a ninguén. Stevie Wonder, Michael Jackson ou Ray Charles son algúns dos artistas que versionan pero estade atentos, porque estas rapazas porán o seu selo de identidade en calquera canción! 
Vía Sete (Pontevedra) Vía Sete é un coro formado no Local de Música de Pontevedra. Son todos moi novos e levan pouco tempo xuntos pero iso non é un problema para eles. Veñen a Oh Happy Day con moitas ganas de traballar, de aprender e cheos de ilusión por vivir esta experiencia. 
Coral Alameda (Pontevedra) A idade non importa á hora de cantar. Que llo pregunten á Coral Alameda. O seu estilo é máis ben tradicional: habaneras, operetas, cantigas tradicionais galegas… pero non hai nada co que non se atrevan. Defínense como unha familia e queren ó seu director coma se fose o seu neto. 
El Acorde Secreto (A Coruña) Por todo o barrio de Montealto na Coruña escóitanse as voces de El Acorde Secreto. Este coro sabe como transmitir a súa ledicia e orixinalidade no escenario. Fixádevos como xogan coa teatralidade e os cambios de ritmo. É imposible aburrirse se eles están preto! 
Encaixe (Santiago de Compostela) O seu nome ven de que son quen de adaptarse a calquera estilo, desde cancións tradicionais galegas a outras máis modernas. Algúns deles uníronse ó coro fai case nada pero conectaron á perfección! Son o Coro representante de Santiago e prometen poñerlle moita paixón en Oh happy Day!
COROS

ohhappyday@portocabo.com